Friday 17 de May de 2024

Reprogramado ao 29 de outubro o obradoiro de pegadas e indicios para coñecer os mamíferos máis representativos nos bosques da zona


Organizado polo Concello e a Asociación Ambiental Senda Nova co financiamento da Deputación da Coruña dentro do programa Espías no bosque.

O obradoiro de pegadas e indicios sobre a presenza de animais mamíferos no bosque que se ía realizar este sábado retrásase unha semana, ata o 29 de outubro, debido á previsión de condicións climatolóxicas adversas durante os próximos días. A iniciativa levarase a cabo baixo a organización do Concello e da Asociación Ambiental Senda Nova no marco do programa Espías no bosque que financia a Deputación da Coruña.

Este obradoiro vai dirixido a todos os públicos, principalmente a rapaces a partir de 8 anos de idade pero estando aberta a inscrición tamén para persoas adultas. O propósito é achegar aos participantes aos bosques e ao rural empregando como ferramenta o coñecemento das pegadas dos animais máis representativos.

O programa tamén sofre pequenas variacións no horario. O inicio será ás 10:00 h na escola de Cumiáns, onde se desenvolverá a parte expositiva cun obradoiro de identificación que incluirá proxección de imaxes de pegadas de diferentes animais acompañada con explicacións das características de cada especie. A partir das 13:00 h farase unha saída de campo á beira do río Bradoso precisamente para procurar sobre o terreo as pegadas dos animais e evidenciar a presenza deles nos bosques laracheses. Este é o lugar escollido por contar con vexetación autóctona e gran biodiversidade a carón da canle fluvial.

A inscrición, que é gratuíta, permanece aberta e debe formalizarse no Concello. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de solicitude.